Buscar

Andy da Fonte

POESÍA | FOTOGRAFÍA | XORNALISMO

Categoría

Opinión

a miña pandeireta é mártir

[17/5 13:34] sanxur:
é 17 de maio e hoxe a miña pandeireta foi mártir.

é 17 de maio e hoxe a miña pandeireta rachou a súa pel pra morrer ao seu derradeiro ritmo de: «GALIZA CEIBE, PODER POPULAR!» nas escaleiras de pedra de Praterías e agora é mártir.

hoxe, o meu puño fechado
atravesou berrando a pel
do meu ben material máis prezado

e logo de 17 anos de andaina ao meu carón, de toda unha vida de aventuras, choros, agarimos, centos de foliadas e moitísimas paixóns,

loitando nunhas rúas que enchemos pola defensa da nosa cultura, da nosa identidade nacional; acadou momento de repousar.

é 17 de maio e hoxe a miña pandeireta foi mártir aos seus 17 anos.

non podo ter a alma consumida en mágoa e orgullo máis fondos a un tempo.💔🥺

é xa 19 de maio, hai dous días dese día das nosas letras enorme coma un ciclón e deste lar seguimos a render loito pola nosa mártir e polas nosas letras desleixadas por un goberno neglixente e caciquil.

canda todo, unhas ferreñas velliñas e cun son incomparábel, aínda soaron impolutas á LUZ do sol intres despois do trebón.

Sigamos enchendo rúas e prazas. Con mozas coma vós do cóbado, queda esperanza.✊🏼💥

8M

Deixo por aquí, para deixar rexistro, a publicación que fixen o pasado 8 de marzo nas miñas redes sociais.

Encabezando manifestación do brazo da avoa adoptiva Luz Fandiño, eterna avoa de tódalas mozas combativas. Porque as que somos e loitamos hoxe, somos e loitamos grazas ás guerreiras valentes e incansábeis como LUZ, que nos abriron camiño.

Os nosos berros perdurarán nas rúas ata que academos un futuro libre de violencias machistas, de control sistemático sobre os nosos corpos, sen abusos de poder e sen escravitude e desigualdades laborais. A muller obreira galega segue en pé. Resistiremos ata deixar o sistema en po. #8M #díadamullertraballadora✊🏼💜

Imaxe de Paco Rodríguez para La Voz de Galicia: «Andy da Fonte e Luz Fandiño encabezan manifestación no 8M en Compostela»

Adican unha avenida a tito Amancio en Vilanova

Volvo presentarme por aquí, non sen antes deixar as entradas actualizadas non para falar da situación que estamos a vivir (quixais o faga máis adiante) senón dun dos seus subtemas.

Trátase, como poderedes intuír polo título, do noso benquerido Amancio Ortega. Tan cuquiño… Tan solidario… Tan respectuoso cos millóns de persoas que explota nos países máis desfavorecidos e coa natureza cos residuos que guinda ao mar e ao ar… E tamén, por suposto, con Españita, á que por certo non paga tódolos impostos que debería lexítima e xustamente, utilizando a famosa enxeñaría fiscal e na que non ten tampouco a maior parte da súa industria. Evidentemente ninguén se imaxina por que pode ser… 😥

Veño a escribir isto porque os comentarios aplaudindo a Amancio, agradecéndolle, ou defendéndoo fronte aos outros empresarios que a diferenza del «non fan nada» por axudar nesta situación tan atípica, así como o de adicarlle esa avenida poñéndoo por riba de persoal sanitario e voluntariado (para máis información tendes a ligazón á nova aquí e ao final) parécenme unha mala broma, algo enfermizo, vergoñento, denigrante e propio de persoas que coido que non se cuestionaron ben a situación.

As bancas, as grandes empresas así como poder, teñen tanta responsabilidade pública ante esta situación de crise coma o propio Estado ou máis. O poder conleva unha grande responsabilidade que como din esas malas lenguas defensoras do millonario galego por excelencia a maioría desas empresas non están cumprindo en absoluto. É máis! Aínda se queixan ao Estado dos pouquísimos deberes que lles puxeron sobre o tratamento dos seus traballadores e traballadoras e dos despidos. España estase infestando así coma de coronavirus, de ricachóns neoliberais ofendiditos que fan entrevistas para o ABC.

Remítome ao que dixeron hai uns meses en Podemos trala anterior doazón a sanidade de Amancio. Non estou sempre de acordo con elas nin moito menos pero ás veces atinan absolutamente: a Amancio é o primeiro ao que hai que atacar por roubar e logo lavar as mans. Resulta plenamente evidente que Amancio podía facer ante esta crise moitísimo máis do que fixo e que o pouco que fixo apenas lle custou esforzo ningún nin creo que se achegue á cantidade que non aporta en impostos. Que pague o que ten que pagar e logo xa falaremos de doazóns e aplausómetros. Defender a Amancio por cumprir cunha pequena parte da súa grandísima responsabilidade resulta tan absurdo e execrábel como aplaudir ao home que comparte as tarefas do fogar e da crianza equitativamentre coa súa muller.

O que deberíamos facer é condear sen compaixón esas actitudes do grande empresariado e a Amancio aínda máis para combater ese lavado de mans seu, tendo en conta ademais que moitos dos que aínda non doaron nada nos deben bastante menos que Amancio aínda despois de doar… Esixíndolledes a esa lacra máis esforzos por salvar vidas e menos por salvar o seu estatus económico persoal.

http://www.crtvg.es/informativos/vilanova-dedicara-unha-avenida-a-amancio-ortega-4371309

17 de maio.

Hai 160 anos Rosalía de Castro, a patroa da nosa cultura, da nosa nación e das nosas letras, publicaba Cantares Gallegos poñendo fin brava e ergueita a uns 300 anos de séculos escuros de absoluta decadencia, odio, xuízo e denostación da nosa lingua nos eidos social, cultural, educativo, político e administrativo.

Uns anos nos que só un pobo campesiño, mariñeiro e analfabeto mantivo viva a nosa lingua e cultura, a nosa IDENTIDADE. Anos de colonización sanguinaria do clero castelán que até deixaron proscritos aos reis galegos que aínda predicaban ben alto na nosa lingua. A sociedade galega aínda non podía nin sospeitar o que viña, co franquismo asexando pouco menos dun par de séculos despois, o xenocidio cultural, a masacre; acababa de comezar.

Hoxe, cunhas políticas autonómicas que quedan lonxe do establecido no estatuto de autonomía que nos deixaba por legado Castelao na asasinada 2ª República e da lei de Normalización Lingüística nada na mal apodada «transición», cunha sociedade galega que tralos tempos de imposición lingüística, de castelanización, de ditadura, se segue autoodiando e autosubestimando profundamente;

os datos estatísticos falan por si sós e presentan unha clara sentenza: A LINGUA MORRE, e faino a pasos axigantados. A nosa lingua é única en sonoridade e garda en si a maior das nosas riquezas. Temos a lingua da poesía, a lingua medieval de prestixio internacional escolleito para as cantigas a milleiros de quilómetros da terra, a lingua das toponimias e microtoponimias máis diversas de Europa. E a maioría das galegas e galegos escollen non facer o esforzo de utilizala.

NON DEPENDEMOS DE ESPAÑA, NIN SOMOS MENOS CÁ NINGUÉN, somos dos primeiros da Península en enerxías renovábeis, que son o presente e o futuro, os primeiros en industrias pesqueira, marisqueira e vinícola, contamos cunhas industrias artesanais, agrícola, metalúrxica, leiteira, gandeira, astilleira, forestal, metalúrxica… únicas e envexábeis. SENTÍDEVOS ORGULLOSOS E ORGULLOSAS E LUCÍDEO NA FALA.

Saquéannos toda a nosa industria e a nosa natureza e quedamos de brazos cruzados.

Somos das que máis enerxía producimos e as que máis pagamos nas tarifas da electricidade. As vacas galegas seguen tendo o buche na Galiza e o teto en Madrid.
ESPAÑITA DEPENDE en moitos ámbitos de NÓS.

TEMOS TODO O PRECISO PARA UNHA AUTONOMÍA MOITO MAIOR, O QUE SOMOS É IDIOTAS DE NON PRENDER BARRICADAS QUE QUEDEN MARCADAS NA HISTORIA.

Hai dous días enchimos prazas ao longo do país para aturrar unha vez máis pola nosa lingua.
Quen deixa de ter lingua deixa de existir.

ESIXIMOS UN GOBERNO QUE SEXA FIEL Á LEI DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA,

ESIXIMOS GALEGO NAS ESCOLAS INFANTÍS E NAS GARDERÍAS,

ESIXIMOS A PRESENZA PRIMORDIAL DE GALEGO NA EDUCACIÓN,

ESIXIMOS UNHA SANIDADE EN GALEGO,

UN SISTEMA XUDICIAL EN GALEGO,

UNHA ADMINISTRACIÓN GALEGA E EN GALEGO,

ESIXIMOS A CULTURA EN GALEGO,

ESIXIMOS QUE AS SUBVENCIÓNS PÚBLICAS A MEDIOS E PROXECTOS CULTURAIS SE RESERVEN ÁS COMUNICACIÓNS EN GALEGO.

QUEREMOS XORNAIS EN GALEGO SE SE PAGAN COS NOSOS CARTOS.

QUEREMOS UNS SECTORES AUDIOVISUAIS, MUSICAIS E LITERARIOS GALEGOS DIGNOS QUE NON TEÑAN QUE LOITAR CONTRA A ADMINISTRACIÓN DO SEU PROPIO PAÍS.

en definitiva, só pedimos poder VIVIR NA NOSA LINGUA.

SALVAR A LINGUA é RESPONSABILIDADE de todas vós e todas nós temos o PODER de facelo.

se vos queredes, non votedes a quen vos odia e poñede esforzo en vivir en galego.

Ningunha de nós ten culpa de non ter sido educada ou criada en galego nin de que os círculos sociais non axudasen, pero todas temos o poder de mudar isto. O único galego mal falado é o que non se fala, e falalo o único xeito de aprender e mellorar.

Como dicía o noso Castelao e sen dúbida algunha: «Se seguimos a ser galegas, é por obra e graza do idioma.»

Na concentración deste 17 de maio na Praza das Praterías coa nosa Luz Fandiño💜

Eles tamén laian

El tamén laia.

IMG_20171104_162137PSX_20190609_223304

El, sen acubillo, permanentemente encadeado,  «adestrado» con violencia. É culpábel dalgún dano?PSX_20180112_153459IMG_5320Eles, que tan inocentes queren, merecen o maltrato?

GALIZA CHORA

Galiza non arde, nola queiman.

Paraíso finado, verdura volta negra.

Pero non penses que esa «ESPAÑA ÚNICA, GRANDE Y LIBRE» nos apoia, eles seguen falando do si ou non do pelo fregona.

Galiza arde e parece que só a nós nos importa, un país movido nada máis que por políticos e as súas argalladas, información manipulada e só importa o que lles sala.

Asturias, León arde e coma sempre, o goberno central non fai nada.

Ten que vir axudarnos o país veciño, tanta nazón unida, e cando fai falta apoiarnos, a nada.

Non lles importa canta vida morra, cantos montes se tornen negrura, cantos animais se calcinen ou cantas persoas o perdan todo (mesmo a vida) «non é terrorismo» «non é catastrofe» non, debe ser que caeu unha estrela.

Pero tranquilos, que pronto poderedes edificar, a lei de montes á merda, capitalismo, consumismo, e finou o noso lar.

Media Europa arde, pero non, son catro estúpidos e nada máis hai detrás. Si, seremos parvos e comeremos do que vos apeteza. Pero non ides quitarnos o pouco que nos queda, o pouco que aínda nos une, o ar.

Se fora unha situación de vida ou morte chorar, Galiza (e nós con ela) morrería no intento. Pero crédeme que non nos van vencer. Galiza é grande, nosa naiciña é forte, nin cambio climático nin masacrantes incendios, non a poden agora derrubar.

Moito ánimo e forza. (Hai hipocrisía,) pero da gusto ver a toda a xente unida e defender, por unha vez todos xuntos o que é noso. Da gusto tamén escoitar aos españois que non pechan os ollos e que con nós berran. Non todo é política, o paraíso a alguén lle ten que importar. Xuntas podemos!

Fontes fotográficas: «EL PAÍS», «ABC» e «FARO DE VIGO»

Enlaces sobre o tema:

http://www.lavanguardia.com/vida/20171016/432120257679/incendios-galicia-portugal-origen-politica-forestal-piromanos.html

http://www.libertaddigital.com/espana/politica/2017-10-16/echenique-y-dante-fachin-se-mofan-de-los-incendios-de-galicia-1276607576/

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/nigran/2017/10/16/maximina-angelina-marcelino-alberto-victimas-domingo-negro-galicia/00031508145198450233384.htm

https://politica.elpais.com/politica/2017/10/15/actualidad/1508103104_890257.html

¿Cataluña, ou Catalunya?

Falo hoxe, co mundo máis calmado, con menos salvaxadas ditas sen pensar e máis raciocinio.

É realmente triste o que ocorreu onte en Catalunya, podería falarvos e compartir a miña opinión sobre todo o revuelo existente e sobre política: as razóns deste catalanismo, os seus radicais, pequenas agrupacións terroristas coma «terra lliure», o sentimento das persoas…

Pero iso é o que todos fan, falar da política, dos feitos, defender os seus ideais a toda costa… Deixando de lado ás persoas, ao mundo, que é o realmente importante.

Dacordo, tal vez Puigdemont e compañía non se comportaron do mellor xeito. Non tódolos cataláns son independistas, e visto dende un punto exterior resulta evidente que hai xeitos máis adecuados e mesmo éticos de loitar por unha maior autonomía.

Obviamente hai total diversidade de opinións: falan da marcha do estado da burguesía, do problema económico que isto podería supoñer para certas comunidades autónomas, que sendo unha nazón históricamente reprimida son lexítimas as súas reclamacións, que son só 4 tolos e radicais que lle entorpecen a vida ao resto das catalás e dos cataláns, que é lóxico que queiran escapar dun estado fascista no social e cada vez máis tirando a neoliberal no económico coma o noso e outros que pola contra apuntan que esa Catalunya independente sería igual de neoliberal que España ou máis.

Pero supoño que non é tan difícil de comprender que a maioría dos independistas só pretenden defender a súa lingua, cultura, terra, ante un Estado Español que non fai máis que impoñerse ante a diversidade.

Crédeme cando digo que NINGUNHA IDEOLOXÍA NIN LEI pode xustificar de ningún xeito as seguintes imaxes da mañá de onte, da man desa «Españita maravillosa». Avergoñante, incríbel que isto teña que pasar. Non se permite a liberdade de expresión, un dereito humano básico. É triste que se respete máis o fascismo que o nacionalismo catalán.

A moito que digan, é obvio que non se utilizou a violencia exclusivamente necesaria para levar a cabo a orde que tiñan. Porque, acaso había necesidade de utilizala dese xeito contra persoas que non a utilizaron en ningún momento? Era necesario darlles malladas semellantes a persoas que só querían votar, que só pedían a súa democracia? Foi necesaria esa cantidade de case 900 feridos? Lanzar escaleiras abaixo a mulleres que só trataban de axudar ás persoas maiores? Facerlles incluso tocamentos diante de toda a xente entre risas. É dicir, agresións machistas? Denigrante.

«ISTO NON FOI NECESARIO»

Fotografías e vídeo de: «EL PAÍS»

Enlaces de interese:

http://www.elnacional.cat/es/politica/policia-agresion-pau-claris-barcelona-dedos_197238_102.html

http://www.elnacional.cat/es/politica/agresion-ultra-independentista-barcelona_197457_102.html

http://www.elmundo.es/espana/2017/10/02/59d225d9468aebe1548b45c9.html

http://www.elmundo.es/espana/2017/10/02/59d2139a468aeb1c0f8b45a5.html

Crúa sociedade

Moitos din que todo vai ben, que vivimos nunha sociedade ceibe, xusta e perfecta.

Que os dereitos humanos se compren, que os que máis teñen o conseguiron unicamente co seu esforzo e sen facer dano a ninguén e que a igualdade e o respeto xa son un feito.

Malditos inconscientes.

Nese caso esta escrita sería un grito de ledicia, e non de impotencia.

Pero a desigualdade, a violencia e a inxustiza son donas de moitas máis situacións das que cremos, nas nosas vidas.

Pois estas poden atoparse na maior minuciosidade que a miúdo pasa desapercibida, ou no maior xenocidio.

A cotío, sen que nos decatemos sequera prexúlgannos e destrozan a nosa imaxe e o noso ser con simples sandeces podendo provocar a perda de persoas moi importantes para nós.

Mais iso non é o máis importante…

A diario as mulleres son subestimadas, maltratadas, violadas ou ate asasinadas en mans de homes.

Practícanlle a circuncisión xenital a miles de nenas en lugares coma Burkina Faso ou Kenia. Un verdadeiro horror! Pero a ninguén lle importa.

A diario unha nova masacre acaece en Siria ou outro millar de persoas falece en África.

Cada día nenos pequenos traballan na China ou na India en condicións precarias e sen descanso.

Escravos fan os máis duros traballos independientemente do cansazo, pois morrerán do contrario.

Mil novas devastacións medioambientais tentan ocultar os gobernos a cotío, rematan co mundo, só polos cartos.

Vivimos nunha sociedade egoísta, devastadora e con moi escasa humanidade.

Só importa o que ocorre nos países «desenvolvidos» non poderiamos evitar nós gran parte desa barbaridade?

Crea un sitio web o blog en WordPress.com

Subir ↑