Buscar

Andy da Fonte

POESÍA | FOTOGRAFÍA | XORNALISMO

Categoría

Retallos de vida

a miña pandeireta é mártir

[17/5 13:34] sanxur:
é 17 de maio e hoxe a miña pandeireta foi mártir.

é 17 de maio e hoxe a miña pandeireta rachou a súa pel pra morrer ao seu derradeiro ritmo de: «GALIZA CEIBE, PODER POPULAR!» nas escaleiras de pedra de Praterías e agora é mártir.

hoxe, o meu puño fechado
atravesou berrando a pel
do meu ben material máis prezado

e logo de 17 anos de andaina ao meu carón, de toda unha vida de aventuras, choros, agarimos, centos de foliadas e moitísimas paixóns,

loitando nunhas rúas que enchemos pola defensa da nosa cultura, da nosa identidade nacional; acadou momento de repousar.

é 17 de maio e hoxe a miña pandeireta foi mártir aos seus 17 anos.

non podo ter a alma consumida en mágoa e orgullo máis fondos a un tempo.💔🥺

é xa 19 de maio, hai dous días dese día das nosas letras enorme coma un ciclón e deste lar seguimos a render loito pola nosa mártir e polas nosas letras desleixadas por un goberno neglixente e caciquil.

canda todo, unhas ferreñas velliñas e cun son incomparábel, aínda soaron impolutas á LUZ do sol intres despois do trebón.

Sigamos enchendo rúas e prazas. Con mozas coma vós do cóbado, queda esperanza.✊🏼💥

8M

Deixo por aquí, para deixar rexistro, a publicación que fixen o pasado 8 de marzo nas miñas redes sociais.

Encabezando manifestación do brazo da avoa adoptiva Luz Fandiño, eterna avoa de tódalas mozas combativas. Porque as que somos e loitamos hoxe, somos e loitamos grazas ás guerreiras valentes e incansábeis como LUZ, que nos abriron camiño.

Os nosos berros perdurarán nas rúas ata que academos un futuro libre de violencias machistas, de control sistemático sobre os nosos corpos, sen abusos de poder e sen escravitude e desigualdades laborais. A muller obreira galega segue en pé. Resistiremos ata deixar o sistema en po. #8M #díadamullertraballadora✊🏼💜

Imaxe de Paco Rodríguez para La Voz de Galicia: «Andy da Fonte e Luz Fandiño encabezan manifestación no 8M en Compostela»

Adican unha avenida a tito Amancio en Vilanova

Volvo presentarme por aquí, non sen antes deixar as entradas actualizadas non para falar da situación que estamos a vivir (quixais o faga máis adiante) senón dun dos seus subtemas.

Trátase, como poderedes intuír polo título, do noso benquerido Amancio Ortega. Tan cuquiño… Tan solidario… Tan respectuoso cos millóns de persoas que explota nos países máis desfavorecidos e coa natureza cos residuos que guinda ao mar e ao ar… E tamén, por suposto, con Españita, á que por certo non paga tódolos impostos que debería lexítima e xustamente, utilizando a famosa enxeñaría fiscal e na que non ten tampouco a maior parte da súa industria. Evidentemente ninguén se imaxina por que pode ser… 😥

Veño a escribir isto porque os comentarios aplaudindo a Amancio, agradecéndolle, ou defendéndoo fronte aos outros empresarios que a diferenza del «non fan nada» por axudar nesta situación tan atípica, así como o de adicarlle esa avenida poñéndoo por riba de persoal sanitario e voluntariado (para máis información tendes a ligazón á nova aquí e ao final) parécenme unha mala broma, algo enfermizo, vergoñento, denigrante e propio de persoas que coido que non se cuestionaron ben a situación.

As bancas, as grandes empresas así como poder, teñen tanta responsabilidade pública ante esta situación de crise coma o propio Estado ou máis. O poder conleva unha grande responsabilidade que como din esas malas lenguas defensoras do millonario galego por excelencia a maioría desas empresas non están cumprindo en absoluto. É máis! Aínda se queixan ao Estado dos pouquísimos deberes que lles puxeron sobre o tratamento dos seus traballadores e traballadoras e dos despidos. España estase infestando así coma de coronavirus, de ricachóns neoliberais ofendiditos que fan entrevistas para o ABC.

Remítome ao que dixeron hai uns meses en Podemos trala anterior doazón a sanidade de Amancio. Non estou sempre de acordo con elas nin moito menos pero ás veces atinan absolutamente: a Amancio é o primeiro ao que hai que atacar por roubar e logo lavar as mans. Resulta plenamente evidente que Amancio podía facer ante esta crise moitísimo máis do que fixo e que o pouco que fixo apenas lle custou esforzo ningún nin creo que se achegue á cantidade que non aporta en impostos. Que pague o que ten que pagar e logo xa falaremos de doazóns e aplausómetros. Defender a Amancio por cumprir cunha pequena parte da súa grandísima responsabilidade resulta tan absurdo e execrábel como aplaudir ao home que comparte as tarefas do fogar e da crianza equitativamentre coa súa muller.

O que deberíamos facer é condear sen compaixón esas actitudes do grande empresariado e a Amancio aínda máis para combater ese lavado de mans seu, tendo en conta ademais que moitos dos que aínda non doaron nada nos deben bastante menos que Amancio aínda despois de doar… Esixíndolledes a esa lacra máis esforzos por salvar vidas e menos por salvar o seu estatus económico persoal.

http://www.crtvg.es/informativos/vilanova-dedicara-unha-avenida-a-amancio-ortega-4371309

17 de maio.

Hai 160 anos Rosalía de Castro, a patroa da nosa cultura, da nosa nación e das nosas letras, publicaba Cantares Gallegos poñendo fin brava e ergueita a uns 300 anos de séculos escuros de absoluta decadencia, odio, xuízo e denostación da nosa lingua nos eidos social, cultural, educativo, político e administrativo.

Uns anos nos que só un pobo campesiño, mariñeiro e analfabeto mantivo viva a nosa lingua e cultura, a nosa IDENTIDADE. Anos de colonización sanguinaria do clero castelán que até deixaron proscritos aos reis galegos que aínda predicaban ben alto na nosa lingua. A sociedade galega aínda non podía nin sospeitar o que viña, co franquismo asexando pouco menos dun par de séculos despois, o xenocidio cultural, a masacre; acababa de comezar.

Hoxe, cunhas políticas autonómicas que quedan lonxe do establecido no estatuto de autonomía que nos deixaba por legado Castelao na asasinada 2ª República e da lei de Normalización Lingüística nada na mal apodada «transición», cunha sociedade galega que tralos tempos de imposición lingüística, de castelanización, de ditadura, se segue autoodiando e autosubestimando profundamente;

os datos estatísticos falan por si sós e presentan unha clara sentenza: A LINGUA MORRE, e faino a pasos axigantados. A nosa lingua é única en sonoridade e garda en si a maior das nosas riquezas. Temos a lingua da poesía, a lingua medieval de prestixio internacional escolleito para as cantigas a milleiros de quilómetros da terra, a lingua das toponimias e microtoponimias máis diversas de Europa. E a maioría das galegas e galegos escollen non facer o esforzo de utilizala.

NON DEPENDEMOS DE ESPAÑA, NIN SOMOS MENOS CÁ NINGUÉN, somos dos primeiros da Península en enerxías renovábeis, que son o presente e o futuro, os primeiros en industrias pesqueira, marisqueira e vinícola, contamos cunhas industrias artesanais, agrícola, metalúrxica, leiteira, gandeira, astilleira, forestal, metalúrxica… únicas e envexábeis. SENTÍDEVOS ORGULLOSOS E ORGULLOSAS E LUCÍDEO NA FALA.

Saquéannos toda a nosa industria e a nosa natureza e quedamos de brazos cruzados.

Somos das que máis enerxía producimos e as que máis pagamos nas tarifas da electricidade. As vacas galegas seguen tendo o buche na Galiza e o teto en Madrid.
ESPAÑITA DEPENDE en moitos ámbitos de NÓS.

TEMOS TODO O PRECISO PARA UNHA AUTONOMÍA MOITO MAIOR, O QUE SOMOS É IDIOTAS DE NON PRENDER BARRICADAS QUE QUEDEN MARCADAS NA HISTORIA.

Hai dous días enchimos prazas ao longo do país para aturrar unha vez máis pola nosa lingua.
Quen deixa de ter lingua deixa de existir.

ESIXIMOS UN GOBERNO QUE SEXA FIEL Á LEI DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA,

ESIXIMOS GALEGO NAS ESCOLAS INFANTÍS E NAS GARDERÍAS,

ESIXIMOS A PRESENZA PRIMORDIAL DE GALEGO NA EDUCACIÓN,

ESIXIMOS UNHA SANIDADE EN GALEGO,

UN SISTEMA XUDICIAL EN GALEGO,

UNHA ADMINISTRACIÓN GALEGA E EN GALEGO,

ESIXIMOS A CULTURA EN GALEGO,

ESIXIMOS QUE AS SUBVENCIÓNS PÚBLICAS A MEDIOS E PROXECTOS CULTURAIS SE RESERVEN ÁS COMUNICACIÓNS EN GALEGO.

QUEREMOS XORNAIS EN GALEGO SE SE PAGAN COS NOSOS CARTOS.

QUEREMOS UNS SECTORES AUDIOVISUAIS, MUSICAIS E LITERARIOS GALEGOS DIGNOS QUE NON TEÑAN QUE LOITAR CONTRA A ADMINISTRACIÓN DO SEU PROPIO PAÍS.

en definitiva, só pedimos poder VIVIR NA NOSA LINGUA.

SALVAR A LINGUA é RESPONSABILIDADE de todas vós e todas nós temos o PODER de facelo.

se vos queredes, non votedes a quen vos odia e poñede esforzo en vivir en galego.

Ningunha de nós ten culpa de non ter sido educada ou criada en galego nin de que os círculos sociais non axudasen, pero todas temos o poder de mudar isto. O único galego mal falado é o que non se fala, e falalo o único xeito de aprender e mellorar.

Como dicía o noso Castelao e sen dúbida algunha: «Se seguimos a ser galegas, é por obra e graza do idioma.»

Na concentración deste 17 de maio na Praza das Praterías coa nosa Luz Fandiño💜

Publicación do meu primeiro poemario individual Memorias dunha estrela sen luz✨

O pasado mes de decembro, saíu da escuridade do caderno o meu Memorias dunha estrela sen luz

Un libro cultivado velaíño a través de toda a miña adolescencia que narra dende a súa heteroxeneidade estilística unha historia que eu contemplo de dor e liberación; de moita luz pero sobre todo de escuro.

Un libro que adiquei á miña avoa, finada no agosto do 2015, poucos meses antes de eu acadar os meus primeiros «éxitos» literarios.

Un libro primeiramente publicado polo Concello de Ribeira e que xa vai pola súa segunda impresión da miña autoedición.

Un libro que non podo estar máis agradecida (aínda que non sen inseguridades) pola incríbel acollida que está tendo e por todo o agarimo que me fai recibir.

A pandemia non permitiu facer aínda apenas presentacións presenciais e os meus estudos non me deixaron tampouco volcarme no movemento post-publicación con tanto ímpeto como me gustaría pero este poemario, coma o mar, coma a auga que invade moitos dos seus versos xa transcorre ceibo, xa é do mundo.

Non podo dicir máis que grazas, grazas e grazas a todas as que vos facedes con el, ás que lle dades unha oportunidade e lle ofrecedes un oquiño da vosa alma, ás que vos somerxedes na viaxe desta estrela sen luz que loita por reatoparse e reconstruír o seu camiño.

Déixovos unha humilde VídeoPresentación gravada dende o meu cuarto e a ligazón á miña tenda, onde vos podedes facer con el así como ligazóns a entrevistas que se me fixeron para diferentes xornais.

Tenda

Nova La Voz de Galicia

Nova El Correo Gallego

Artigo El Correo Gallego

Vídeo Presentación no IES DE SAR

Artigo páxina IES DE SAR

Resultei gañadora nas V, VI e VII edicións do Certame de Poesía Asociación Cultural Albariza de Artes

O pasado ano 2020, a última ocasión que poderei presentarme a este Certame por razóns de idade, resultei gañadora de novo. Malia que o acto tivo que ser moi moi íntimo e pequeniño por mor da pandemia, coincidiu co acto de primeira presentación do meu primeiro poemario individual: Memorias dunha estrela sen luz e foi un día moi emocionante. Moitas grazas ao Concello de Ribeira por financiar a pulicación do meu poemario e á A.C. Albariza de Artes, en especial ao presidente, Manuel Reiriz por acollerme sempre con tanto agarimo.

XL Certame Terra Chá

5 agosto

Moitísimas grazas á Asociación Xermolos por orghanisalo e noraboa ás demais gañadoras.

Recomendadísima visita ao Festival de Folk máis antigo da Galiza!!!

1°Premio VI Certame de Poesía Asociación Cultural Albariza de Artes

30 de xuño

La imagen puede contener: una persona, sonriendo, de pie y gafas

Non me esperaba hoxe tantísimo protagonismo e agarimo. MOITÍSIMAS grazas á Asociación por este recoñecemento especial a maiores do premio con motivo de resultar gañadora do certame varias edicións consecutivas. É un trofeo fermosísimo que gardarei coma ouro en pano.
Moitísimas grazas tamén por presentarme de xeito tan coidado, apaixoado e cercano e moitísimas grazas ao Concello de Riveira pola promesa verbalizada públicamente de financiarme a publicación do meu poemario, do que xa vos falarei máis adiante 😉. Ademais hoxe publicouse un libro colectivo cos poemas premiados nesta edición.

Grazas, grazas e grazas, todo isto faime quedar sen palabras.
Mil grazas por faser que todo sexa sempre tan bonito e emocionante.

 

Ligazón á Voz de Galicia

VII Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro

8 de xuño (Estou actualizando isto)

Xa non me quedan verbas para expresar o AGRADECIDA que estou de obter por cuarto ano consecutivo este 1° Accésit nin para facer xustiza á marabillosísima acollida que sempre recibo. Casa de Rosalía

Sodes xa, literalmente, e sen tremer ao dicilo, o meu fogar.
Foi eiquí onde todo comezou. Onde todo vive, onde nacen amizades entrañábeis, onde se atopa o amor,
o xerme da poesía máis pura. E débovos tantísimo… Normalmente só mostramos en redes o bonito e se nos esquece contar o duras que podemos cheghar a ser con nós mesmas e todo o sufrimento que hai detrás.
Pero é tan e tan fermoso… Múdate por completo, faite crecer moitísimo.

Seguide sempre apostando por isto. É importantísimo.

 

 

 

Crea un sitio web o blog en WordPress.com

Subir ↑